CONCURSO | Concurso Posters MTE



Concurso de Posters Estatística e Investigación de Operacións — MTE 2020-2021



Co gallo do XV Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, o Máster Interuniversitario en Técnicas Estatísticas das tres universidades galegas, co apoio da SGAPEIO, convoca o concurso Posters MTE para posters de estatística e investigación de operacións realizados por estudantes de dito máster.

Poderán participar os/as estudantes matriculados/as no curso 2020-2021 no máster. A participación será a título individual. Non hai límite de concursantes por cada universidade. Só se permite unha participación por estudante.

Os participantes no concurso realizarán un póster de estatística e/ou investigación de operacións.

  • O estudantado que estea no primeiro curso académico ou no segundo pero que non defendese o traballo fin de máster e que non vaia a facelo neste curso, poderá facer un póster dalgún tema relacionado con algunha das materias cursadas, incluso dalgún traballo que tivesen que entregar. (Categoría A)
  • O alumnado que vaia a defender o seu traballo fin de máster no curso 2020-2021, en calquera das súas convocatorias (xaneiro, xullo ou setembro), terá que facelo relacionado co seu traballo fin de máster (Categoría B)

Para participar en “Posters MTE” cómpre enviar un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. co asunto “Inscrición Posters MTE”. Prazo de inscrición 17 de xuño de 2021.

Os posters presentados, realizados integramente polo estudantado participante, deben ser inéditos e orixinais. Debe presentarse tamén un pequeno resumo co formato de plantilla de redacción creada para o congreso da SGAPEIO (.tex, .doc o .odt):

   Modelo LaTeX (con exemplo de gráfica en pdf).
    Modelo Word
    Modelo OpenDocument.


Cada participante debe enviar o seu póster ó correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., co asunto “Traballo Posters MTE”.
De ser posible a súa presentación material nas dependencias do congreso, os traballos presentados en formato póster terán un espazo máximo de 1189 x 841 mm ou 33’1x46’8 in (formato A0). A organización proporcionará os recursos necesarios para a súa disposición nos espazos do congreso. Prazo de envío de traballos (póster e resumo): 27 de setembro de 2021.

Cada póster será revisado de forma independente por dous avaliadores, que emitirán un informe de valoración. A organización do concurso, en base a estes informes, realizará unha preselección dos posters presentados dentro de cada categoría que serán remitidos ó xurado para o seu fallo.
Na valoración dos posters, teranse en conta os seguintes aspectos:

  • A orixinalidade do tema.
  • A calidade e innovación na presentación do póster.
  • As conclusións e a análise crítica do póster.

O xurado estará composto por 5 membros: un representante do comité organizador do congreso da SGAPEIO, os coordinadores do máster e un representante dos departamentos con docencia no máster. A decisión do xurado será inapelable e os premios poderán ser declarados desertos a proposta do mesmo. O fallo do xurado darase a coñecer mediante correo electrónico e publicarase na páxina web do máster o 1 de outubro de 2021.

Concederase un premio en cada unha das categorías. A cada póster premiado corresponderalle un ano de inscrición á SGAPEIO, así como a inscrición ó XV Congreso da SGAPEIO. Tódolos participantes recibirán un diploma que acredite a súa participación no concurso.

Pode consultar as bases aquí.

DATAS IMPORTANTES PARA O CONCURSO
Ata o 17 de xuño: último día para inscribirse no concurso.
Ata o 27 de setembro: último día para o envío dos traballos.
1 de outubro: fallo do xurado.