Presentación

A Estatística e a Investigación Operativa son hoxe de grande importancia como parte das matemáticas e como disciplinas necesarias para a comprensión e o avance doutras ramas como a Economía, a Enxeñaría ou a Medicina, entre outras. Este Doutoramento en Estatística e Investigación Operativa pretende proporcionar unha sólida formación no ámbito da estatística e da investigación operativa, capaz de adaptarse ás necesidades da sociedade actual. Así mesmo, preténdese fomentar a formación continua dos profesionais na área da estatística e a investigación operativa e a interconexión entre as diversas parcelas da área grazas á colaboración no Doutoramento de profesores pertencentes a diferentes liñas e grupos de investigación.

Este Doutoramento adecúase aos obxectivos estratéxicos da Universidade en tanto en canto persegue a obtención da excelencia investigadora e a transferencia da tecnoloxía e os coñecementos da Universidade á sociedade en particular ao mundo da empresa que é onde as achegas da Estatística e a Investigación Operativa deben ser tidas en conta.

  • Destinatarios do Doutoramento interuniversitario en Estatística e Investigación Operativa

Alumnado co título de máster ou equivalente, que queiran formarse como doutores en Estatística e Investigación Operativa.

  • Universidades que o organizan
  1. Universidade de Santiago de Compostela (coordinadora). Departamento de Estatística, Análisie Matemática e Optimización.
  2. Universidade de A Coruña. Departamento de Matemáticas.
  3. Universidade de Vigo. Departamento de Estatística e Investigación Operativa.

O programa integrarase nas Escolas Internacionais de Doutoramento das tres universidades participantes: USC, UDC e UVigo.