Obxectivos e estrutura

Os principais obxectivos que o noso Doutoramento en Estatística e Investigación Operativa pretende alcanzar son:

• Unha formación de natureza científico-técnica no ámbito da estatística e a investigación operativa de estudantes que poden proceder de titulacións básicas como de titulacións de tipo técnico de Universidades tanto españolas coma estranxeiras e que lles permita desenvolver unha actividade de tipo académico.

• Unha formación interdisciplinar dos alumnos que sen dúbida será de utilidade para a súa integración no sector profesional.

• A utilización de ferramentas informáticas avanzadas, útiles para a resolución de problemas relativos á programación matemática, a optimización, a simulación e aos diferentes campos da estatística.

Os obxectivos de formación do Doutoramento en Estatística e Investigación Operativa son equivalentes aos das mellores propostas do noso ámbito europeo.


O Doutoramento proposto ampla os contidos do actual programa de Doutoramento interuniversitario de Estatística e Investigación Operativa con Mención cara á Excelencia e xorde como integración de todos os departamentos do sistema universitario galego que teñen competencias na área da Estatística e a Investigación Operativa. Provén dunha sólida colaboración ao longo dos anos, reflectida primeiro nun Programa Oficial de Postgrao Interuniversitario en Estatística e Investigación Operativa que gozou de Mención de Calidade e logo continuada co Máster Interuniversitario en Técnicas Estatísticas e co xa mencionado Doutoramento Interuniversitario en Estatística e Investigación Operativa. Constitúe a única posibilidade dun alumno do Sistema Universitario Galego para realizar a súa tese en Estatística e Investigación Operativa e é un foco atractor de novos alumnos do noso ámbito nacional e internacional (Norte de Portugal e Iberoamérica). Ademais, a participación dos grupos que auspicían o programa en redes temáticas europeas, permite ser optimista na incorporación de alumnos centroeuropeos.