O programa, cuxo prazo de inscrición finaliza o 31 de xaneiro, destinará máis de 630.000 euros a bolsas para as universidades galegas en 2014
Banco Santander pon en marcha a través da súa División Global Santander Universidades a terceira convocatoria do programa Bolsas Santander-CRUE-CEPYME, que ofrece 351 bolsas ao alumnado das universidades galegas para realizar prácticas profesionais en pequenas e medianas empresas no curso 2013-14.
O reitor da USC, Juan José Casares, e o director territorial de Galicia de Banco Santander, Pablo Berdiel, presentaron este venres en Santiago o novo programa nun acto no que ademais narraron a súa experiencia a bolseira Diana Gonçalves Dominguez e a responsable de proxectos da empresa WAYNA, Carolina Lodeiro Malde. En representación de Banco Santander asistiu tamén Amador Fraile, director de Tarjeta Universitaria Inteligente de Santander Universidades España, e da Universidade de Vigo a presidenta da súa Fundación, Josefina Casal.
17.500 bolsas ata 2015
Nesta terceira edición, outros 5.000 universitarios de toda España poderán realizar prácticas profesionais remuneradas en pemes ao longo de 2014. Cando finalice este curso académico, 12.500 estudantes teranse beneficiado destas bolsas desde o curso 2011-2012 e 5.000 máis farano no 2014-2015. En total Banco Santander, a través de Santander Universidades, tería achegado máis de 22 millóns de euros a este programa, que xestionan directamente as universidades. En Galicia, o programa destinará este ano 631.800 euros. En total, esta iniciativa terá permitido que a finais de 2014 860 universitarios galegos realizasen prácticas.
Tres meses de prácticas en PYMES de Galicia
As bolsas, de 1.800 euros e cunha duración de tres meses, están impulsadas por Banco Santander, a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) e a Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa (CEPYME), representada en Galicia pola CEG. Ás pequenas e medianas empresas participantes, o programa permítelles incorporar o mellor talento entre a xuventude. A inscrición, tanto de empresas como de estudantes, debe realizar a través de www.becas-santander.com
135.000 solicitudes
Nas dúas convocatorias anteriores, 135.000 estudantes solicitaron a bolsa e máis de 14.000 pequenas e medianas empresas españolas participaron no programa. Ademais, case o 47% dos bolseiros da segunda edición quedaron na empresa.
En Galicia máis de 4.400 universitarios optaron a unha das 351 bolsas asignadas ás universidades na II edición de 2013, mentres que 479 empresas se inscribiron no programa.
Para participar, os universitarios deben dirixirse aos centros de orientación e información ao emprego (COIE) das universidades, que se ocupan de asignar as prácticas de acordo con criterios de transparencia e mérito, coñecemento de idiomas e valoración da candidatura por parte da empresa en entrevista persoal.
Banco Santander impulsa estas iniciativas académicas por medio da súa División Global Santander Universidades, cuxas actividades vertebran a acción social da entidade bancaria e permítenlle manter máis de 1.100 convenios con universidades e centros de investigación de todo o mundo.