A FACULTADE DE MATEMÁTICAS

A presenza e éxito da ensinanza das matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela (USC) pode dicirse que tivo una traxectoria pendular desde a creación da primeira cátedra en 1751 ata a súa consolidación en 1957.

 

En efecto, os primeiros tempos non foron moi doados, dado que a cátedra de Matemáticas fora adscrita á Facultade de Artes e estaba pensada fundamentalmente para a formación dos licenciados en Medicina. Non sendo daquela Matemáticas unha materia obrigatoria, tivo una baixa participación por parte do alumnado.

 

As cousas melloraron co novo plan de estudos de 1772, e pasou a encargarse da súa ensinanza Luis Marcelino Pereira, que foi profesor de José Rodríguez González, o matemático de Bermés, científico ilustre que pode ser considerado o primeiro gran matemático galego.

 

Outro paso positivo foi, sen dubida, a creación, en 1857, da Facultade de Ciencias, onde as matemáticas gañaron protagonismo grazas á creación da materia de complementos de Álxebra e Xeometría, cuxa cátedra foi ocupada por José Ramón de Luanco y Riego, recibindo logo o seu encargo Manuel Ulloa Ibarzábal. Desafortunadamente a Facultade de Ciencias foi suprimida en 1874.

 

O esquecemento ao que estiveron sometidas as matemáticas na Universidade compostelá dende finais do século XIX ata ben entrado o século XX rachou coa creación de dúas importantes cátedras: a de Análise Matemática e mais a de Xeometría Analítica. A primeira foi ocupada por José María Orts Aracil e a segunda por Olegario Fernández Baños. O alto nivel acadado coa presenza destes dous profesores motivou que se puidesen cursar na USC os dous primeiros cursos de Ciencias Exactas (hoxe Matemáticas).

 

O plan de estudios do 1943 produciu outro retroceso nas matemáticas, que ficaron relegadas aos dous primeiros cursos de Química, pero coa nota positiva das incorporacións de Vidal Abascal como encargado de cátedra e da licenciada Antonia Ferrín Moreiras como axudante.

 

En 1962 inaugurouse o edificio da Facultade de Ciencias (hoxe Facultade de Química), e alí se trasladou tamén a Sección de Matemáticas, constituída finalmente como facultade en 1977, sendo o profesor Enrique Vidal Abascal o seu primeiro decano.

 

A facultade trasladouse en 1983 á súa actual sede, e no curso 2017-18 cumpríronse 60 anos da creación dos estudos de Matemáticas e 40 de Matemáticas como facultade da USC.

 

A USC

A Universidade de Santiago de Compostela é unha institución pública de ensino superior e investigación dotada de autonomía, plena personalidade xurídica e patrimonio propio que está constituída polos campus de Santiago de Compostela e Lugo e que asume e desenvolve as súas funcións como servizo público esencial á comunidade mediante o estudo, a docencia, a investigación e a transferencia do coñecemento.

 

A USC é herdeira de máis de cincocentos anos de docencia, investigación, difusión do coñecemento e creación cultural. Desde 1495, Compostela é cidade universitaria e a matriz do actual Sistema Universitario Galego, que conforma, desde 1989, xunto coa Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña.

 

Na súa delongada historia, a Universidade de Santiago de Compostela atesourou un gran patrimonio cultural e científico, e os seus campus reúnen un vizoso patrimonio natural e arquitectónico.

 

A USC atesoura máis de cinco séculos de historia durante os cales se converteu nunha das mellores universidades do Espazo Europeo de Educación Superior e nunha institución pública que, coa súa oferta docente, a súa produción científica e a súa transferencia de coñecemento, contribúe decisivamente ao desenvolvemento económico, social e cultural da sociedade galega e crea un espazo de cidadanía que xira ao redor dos valores da liberdade, a igualdade, a xustiza, o pluralismo e a sustentabilidade. 

 

Na actualidade a USC está constituída polos campus de Santiago e Lugo, estrutúrase en departamentos, facultades, escolas, institutos universitarios de investigación e escolas de doutoramento. Así mesmo, conta con diferentes servizos de xestión e administración, de apoio aos labores docentes e investigadores, e outros de asistencia á comunidade universitaria.

 

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués, e máis popularmente «picheleiro».

 

Por outra banda, tamén é a Sé Arcebispal galega, amais do destino das diferentes rutas que conforman o Camiño de Santiago, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade, distinción que tamén posúe o seu casco vello dende o ano 1985.

 

A cidade aséntase entre o monte Pedroso e o monte Viso, circundada polos ríos Sar e Sarela. Limita ao norte cos concellos de Val do Dubra, Trazo e Oroso; ao sur con Teo, Vedra e Boqueixón; ao leste co Pino; e ao oeste con Ames. Ademais da cidade de Santiago, o termo municipal comprende vinte e nove parroquias rurais. Por poboación é o quinto concello galego despois de Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo. Posúe unha densidade de poboación de 432,74 hab./km² (2011), e unha superficie de 220,6 km².


Extraído de: Wikipedia

 

Máis información: