COÑÉCENOS 

Nesta sección podedes ler un pouco máis sobre nós, a nosa traxectoria académica e outros cursos que impartimos nestes derradeiros anos.

 

MARÍA ISABEL BORRAJO GARCÍA 

 

María Isabel Borrajo (Narón, 1989) é Profesora Contratasa Doutora no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización (USC). Obtivo o seu doutoramento en Matemáticas en febreiro de 2018, coa tese titulada "Nonparametric inference on point processes with covariates", baixo a dirección dos Prof. Dres. Wenceslao González-Manteiga (USC) e María Dolores Martínez Miranda (U. de Granada). Foi Profesora Interina de Substitución no Departamento de Estatística da Universidade de Oviedo durante o curso 2017-18. Dende setembro de 2018 foi investigadora posdoutoral na Universidade de Lancaster (Reino Unido). Durante todo este período de actividade docente e investigadora, impartiu cursos de Estatística con R en diversos eidos, por exemplo o curso “Simulación y remuestreo” organizado polo Citius (USC) ou “Aprendendo ferramentas TIC para o ensino da Estatística” organizado pola SGAPEIO. 

 

 

MERCEDES CONDE AMBOAGE 

 

Mercedes Conde Amboage (Arzúa, 1988) é Profesora Contratada Doutora no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización (USC). Obtivo o seu doutoramento en Matemáticas en abril de 2017, coa tese titulada "Statistical Inference in Quantile Regression Models", baixo a dirección dos Prof. Dres. Wenceslao González-Manteiga (USC) e César A. Sánchez Sellero (USC). Foi Profesora Interina de Substitución na USC ao longo dos cursos 2017-18 e 2018-19. Posteriormente, traballou como investigadora posdoutoral na Katholieke Universiteit te Leuven (KU Leuven, Bélxica) financiada cunha bolsa da Xunta de Galicia. Durante todo este período de actividade docente e investigadora, impartiu cursos de formación de Estatística en diversos eidos, por exemplo o “Introdución á Estatística con R” organizado a través do PFID da USC.   

 

 

LAURA DAVILA PENA 

 

Laura Davila Pena (Boiro, 1995) é Profesora Axudante Doutora no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización (USC) dende setembro de 2025. Obtivo o seu doutoramento en Estatística e Investigación Operativa en xaneiro de 2023, coa tese titulada "Optimization and cooperation with logistics applications", baixo a dirección da Profa. Dra. Balbina Casas-Méndez (USC) e do Prof. Dr. Ignacio García-Jurado (UDC). Posteriormente, foi Profesora Interina de Substitución na USC e traballou durante dous anos como investigadora posdoutoral na University of Kent (Reino Unido). Durante este período de actividade docente e investigadora, impartiu o curso “Conectando R con outras linguaxes” no marco do XVI Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, e emprega habitualmente R tanto como ferramenta docente como nas súas investigacións.   

 

 

MARÍA JOSÉ GINZO VILLAMAYOR 

  

María José Ginzo (A Pontenova, 1978), é Profesora Axudante Doutora no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización (USC) dende setembro de 2023. Licenciada en Matemáticas con especialidade en Estatística e Investigación Operativa, pola USC, cursou un posgrao en Estatística na Universidade de Porto (Portugal), o mestrado interuniversitario en Técnicas Estatísticas (USC) e obtivo o seu doutoramento en Estatística e Investigación Operativa en maio de 2022 coa tese titulada “Statistical Techniques in Geolinguistics. Onomastic modeling” baixo a supervisión da Prof. Dra. Rosa Mª Crujeiras Casais. Traballa como Técnico Superior de Investigación no Grupo Modelos de optimización, decisión, estatística e aplicación - Modestya da USC (USC) e ten impartido cursos en entidades como AGACA, Arcelor, Consello de Contas de Galicia, Misión Biológica de Galicia (CSIC), Tecnocom ou na proia USC, entre outros.