Workshop on Statistics and Applications (WSA) 04-12-2026/05-12-2026

Os días 4 e 5 de decembro de 2026 celebrarase no ISEG – Universidade de Lisboa o Workshop on Statistics and Applications, un encontro científico internacional organizado con motivo do 70 aniversario do profesor Wenceslao González Manteiga, da Universidade de Santiago de Compostela.

O evento está organizado por ISEG Research, en colaboración co Centro de Matemática da Universidade do Minho (CMAT), o Centro de Matemática da Universidade do Porto (CMUP), o Centro de Matemática da Universidade de Coimbra (CMUC) e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).

O encontro reunirá investigadores e investigadoras de referencia no ámbito da Estatística e disciplinas afíns para presentar e debater avances metodolóxicos recentes e as súas aplicacións en diferentes campos científicos.

Esta xornada científica rende homenaxe ao profesor Wenceslao González Manteiga en recoñecemento ás súas destacadas contribucións á estatística non paramétrica moderna. A súa traxectoria investigadora tivo un importante impacto en áreas como os métodos núcleo (kernel), a análise de datos funcionais, a estatística espacial e a análise de estruturas de datos complexas.

Ao longo da súa carreira, publicou numerosos traballos científicos de gran repercusión e dirixiu múltiples teses de doutoramento, contribuíndo á formación de investigadores e investigadoras que actualmente desenvolven a súa actividade académica en universidades de todo o mundo. Ademais, desempeñou un papel fundamental no impulso da colaboración científica internacional, mantendo estreitos vínculos con numerosas institucións, especialmente con universidades portuguesas.

O encontro constitúe unha oportunidade para compartir coñecementos, fortalecer colaboracións e celebrar a traxectoria científica e académica do profesor González Manteiga.

Máis información sobre WSA https://wsa2026.iseg.ulisboa.pt/index.php

✕